Galego Castellano

Campaña electoral e campaña institucional

Enténdese por campaña electoral o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polos/as candidatos/as para a captación de sufraxios.

A campaña electoral comeza o día trixésimo oitavo posterior á convocatoria (neste caso, o día 02 de febreiro do 2024)

Dura quince días.

Remata, en todo caso, ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación (neste caso ás 00:00 do 17 de febreiro do 2024).

Durante a campaña electoral, os poderes públicos que en virtude da súa competencia legal convocaran un proceso electoral poden realizar durante o período electoral unha campaña de carácter institucional destinada a informar aos/ás cidadáns/as sobre a data da votación, o procedemento para votar e os requisitos e trámite do voto por correo, sen influír, en ningún caso, na orientación do voto dos/as electores/as. Esta publicidade institucional realizarase en espazos gratuítos dos medios de comunicación social de titularidade pública do ámbito territorial correspondente ao proceso electoral de que se trate, suficientes para alcanzar os obxectivos desta campaña.

Non pode difundirse propaganda electoral nin realizarse acto algún de campaña electoral unha vez que esta legalmente remate.

Desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña, queda prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis, soportes comerciais ou insercións en prensa, radio ou outros medios dixitais.

Os Concellos deberán reservar locais oficiais e lugares públicos de uso gratuíto para a celebración de actos de campaña electoral. A relación de locais e lugares, cos días e horas nos que estarán dispoñibles para este uso, terá que ser publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP), dentro dos quince días seguintes á convocatoria (neste proceso electoral, o prazo para a publicación no BOP dos locais e lugares finalizou o 10 de xaneiro do 2024).

A maiores, os concellos terán a obriga de reservar lugares especiais gratuítos para a colocación de carteis e, no seu caso, pancartas e carteis colgados a postes ou farois polo sistema chamado de bandeirolas.

A maiores, durante a campaña electoral os/as candidatos/as que concorran ás eleccións teñen dereito a espazos gratuítos de propaganda nas emisoras de televisión e radio da Compañía de RTVG. A distribución dos mencionados espazos faise en función do número total de votos obtidos por cada candidato/a nas anteriores eleccións ao Parlamento de Galicia.

A distribución dos espazos gratuítos de propaganda electoral nos medios de comunicación públicos nos distintos ámbitos de programación que estes teñan efectuarase con arranxo ao seguinte baremo:

1. Na TVG: artigo 29 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia

2. Na Radio Galega: artigo 29 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia

3. Na Televisión Española en Galicia e Radio Nacional de España en Galicia: artigo 64 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral


Dita distribución está publicada na páxina web da Xunta Electoral de Galicia  http://www.parlamentodegalicia.es/xuntaelectoral/ - no apartado “Eleccións 18 febreiro 2024”. Tamén pode descargar os Acordos da Xunta Electoral de Galicia nas seguintes ligazóns: