Galego Castellano

Voto das persoas electoras residentes permanentemente no estranxeiro

Electores/as

Poderán votar desde o estranxeiro os/as electores/as rexistrados a día 1 de outubro de 2023 no Censo de residentes ausentes que vivan no estranxeiro de forma permanente (CERA).


Procedemento:

Non é preciso presentar ningunha solicitude como paso previo para o exercicio do voto.


As Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral remitirán de oficio a documentación electoral á dirección de inscrición de cada elector.


Faranse dous envíos:

  • Nun primeiro envío os electores recibirán do 13 ao 19 de xaneiro de 2024 (prazo ao que haberá que sumar o tempo que tarde en chegar a documentación ao domicilio no estranxeiro):
    • O sobre no que figure a dirección da Xunta Electoral competente.
    • O sobre onde apareza a dirección da Oficina Consular na que estean inscritos
    • O sobre de votación.
    • Dous certificados idénticos de estar rexistrado no censo de electores residentes ausentes que viven no estranxeiro.
    • Folla informativa
  • Realizarase un segundo envío entre o 24 e o 28 de xaneiro de 2024 (salvo no caso de que se produciron impugnacións ás candidaturas, nese caso o envío poderá demorarse ata o 3 de febreiro de 2024), coas papeletas.Tamén poderán descargar as papeletas ata o 15 de febreiro, a través da seguinte ligazón: Premer aquí

Unha vez recibida a documentación, os/as electores/as teñen dúas posibilidades para exercer o seu dereito a voto:

  •  Por correo ao Consulado, remitindo o sobre dirixido á Xunta Electoral competente para o seu escrutinio, por correo certificado ata o martes 13 de febreiro.
  •    Depositando o seu voto en urna, entregando persoalmente o sobre na oficina consular na que están rexistrados. Para este caso, o prazo vai desde o 10 ao 15 de febreiro (ambos inclusive)

En ambos os supostos será indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre remitido á Xunta Electoral Provincial un cuño ou outra inscrición oficial da Oficina de Correos do Estado que certifique, de modo indubidable, o cumprimento do requisito temporal.


Tamén é requisito indispensable, que no sobre que se remite á Xunta Electoral Provincial, se engada unha fotocopia do pasaporte ou do documento nacional de identidade (DNI), expedidos polas autoridades españolas, ou na súa falta, unha certificación de nacionalidade expedida polo Consulado de España no país de residencia.


O día do escrutinio xeral, e antes de que se faga, a Xunta Electoral competente correspondente constitúese en mesa electoral, ás oito horas da mañá, cos/as interventores/as que para tal efecto designen as candidaturas concorrentes.

A continuación, o seu presidente/a procederá a introducir na urna ou urnas os sobres de votación dos residentes ausentes recibidos ata ese día, e o/a secretario/a anota os nomes dos/as votantes na correspondente lista. Acto seguido, a Xunta escruta todos estes votos e incorpora os resultados ao escrutinio xeral.


•     E se estás en Galicia durante as eleccións?

Se estás inscrito/a en o Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) e te atopas en España durante as eleccións, non poderás votar aquí en urna, pero si poderás facelo por correo: deberás solicitar o voto nunha oficina de Correos  ou por internet na páxina web de Correos entre o 26 de decembro do 2023 e o 8 de febreiro do 2024.


Unha vez recibida a documentación, deberás entregar o teu voto nunha oficina de Correos, ata o 15 de febreiro de 2024 (prazo ampliado segundo o acordo 1/2024 da Xunta Electoral Central).