Galego Castellano

Designación como persoas integrantes da mesa

As mesas electorais forman parte da Administración Electoral, xunto coas Xuntas Electorais.


Á mesa electoral correspóndelle presidir o acto da votación, controlar o desenvolvemento da votación e realizar o reconto e o escrutinio.


A mesa electoral está integrada por un/unha presidente/a e dous/dúas vogais.


O nomeamento dos/as integrantes da mesa electoral é competencia de cada concello, baixo a supervisión das Xuntas Electorais de Zona e elíxense mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar, polo Pleno Municipal.


Este sorteo realízase entre a totalidade de persoas censadas na sección que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, aínda que a partir dos sesenta e cinco anos de idade poderase manifestar a renuncia no prazo de sete días. Quedarán excluídos/as os/as que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de electores/as e a votación.


O/a presidente/a deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.


Designaranse dous/dúas suplentes por cada persoa integrante da mesa electoral (dous/dúas por cada un dos/as vogais, e outros dous/dúas suplentes para o/a presidente/a da mesa).


Para as eleccións do 18 de febreiro de 2024, os sorteos realízanse entre os días 20 e 24 de xaneiro.


Aos/ás designados/as polo Pleno Municipal, notifícaselles a súa condición de persoas integrantes da mesa durante os tres días seguintes ao sorteo, é dicir, entre o 21 e o 27 de xaneiro, aínda que se se produce máis tarde, o atraso non será causa invalidante da designación.


Xunto coa notificación seralles proporcionado un manual de instrucións para as persoas integrantes das mesas electorais.


A designación como persoa integrante de mesa para un proceso electoral, non supón a continuidade da designación para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, se poida ser designado/a membro de mesa electoral en procesos consecutivos.